Friday 19 de April de 2024

Alternativa de Sada insta ás administracións a aumentar a frecuencia do desbroce dos camiños


Alternativa dos Veciños Sada cre que é fundamental para a seguridade viaria aumentar a frecuencia destes traballos, sobre todo nos camiños que non dispoñen de beirarrúas.

Para Alternativa dos Veciños Sada é de vital importancia para a seguridade viaria aumentar a frecuencia dos traballos de desbroce dos camiños no termo municipal de Sada con especial atención as estradas que non dispoñen de beirarrúas, porque o perigo para os peóns é maior ao estar desprotexidos fronte o tráfico rodado.

No Concello de Sada estes traballos xa comezaron nas estradas municipais e, de feito, vanse a aumentar as frecuencias dos mesmos para garantir a seguridade da veciñanza. A Deputación Provincial da Coruña que ten numerosas estradas no Concello de Sada, tamén comezou a tempo estes traballos de limpeza vexetal nas marxes das súas rúas, e con respecto os camiños pertencentes á Xunta de Galicia, os desbroces comezarán próximamente. Con todo, Alternativa dos Veciños espera que, ao igual que o Concello de Sada, o resto de institucións públicas titulares de estradas en Sada manteñan o mesmo compromiso coa seguridade viaria da nosa cidadanía.

O natural proceso do crecemento biolóxico da natureza escapa a estacionalidade actual que as institucións supramunicipais empregan para acometer estes traballos, e, con respecto a seguridade viaria hai que estar vixiantes durante todo o ano.